Radiospectrum participará en SICUR 2018 co seu socio Bull Fuego

Radiospectrum participará en SICUR 2018

Comeza a conta atrás para SICUR 2018. Radiospectrum estará presente entre o 20 e o 23 de febreiro no Salón Internacional da Seguridade, en Madrid, xunto ao seu cliente e partner Bull Fuego, empresa galega especializada na venda, mantemento e reparación de camións de bombeiros e vehículos contraincendios.

SICUR converteuse nunha cita ineludible para as empresas e os profesionais do sector da seguridade e alí non podía faltar Radiospectrum, que presentará o seu servizo integral de alugamento de radiocomunicacións profesionais por circuíto pechado e as súas solucións tecnolóxicas no ámbito da seguridade e das emerxencias.

Bull Fuego desenvolve nestes momentos un vehículo de mando para a Policía Local do Concello da Coruña. A empresa galega dispón de 76 metros cadrados no stand 8A32 do pavillón 8 de IFEMA, no que unha das principais atraccións será ese vehículo, que servirá ademais como centro de operacións para Radiospectrum en SICUR 2018.

A falta de pouco máis dun mes para este Salón Internacional da Seguridade, Radiospectrum xa traballa para amosar os seus servizos e os seus recursos propios aos profesionais que se darán cita en IFEMA. Unha das ferramentas máis avanzadas que presentará en Madrid é o seu Centro de Control Móbil, un vehículo equipado coas máis modernas tecnoloxías de comunicación e visualización, que permite establecer un posto de mando en situacións de emerxencia, zonas de crise ou eventos multitudinarios.

Radiospectrum tamén ofrecerá servizos de xeolocalización enfocada ao terreo da seguridade, como distribuidor de SATELIUN, empresa líder no mercado nacional da xestión de frotas por GPS.

SICUR 2018, organizado por IFEMA e pola Asociación Española para o Fomento de Seguridade da Información (ISMS Forum), ofrece tres grandes seccións nesta edición:

  • Contra Incendios e Emerxencias, no pavillón 8 de IFEMA, no que estarán presentes Bull Fuego e Radiospectrum.
  • Security, no pavillón 10.
  • Seguridade Laboral, nos pavillóns 4 e 6.

O Salón Internacional da Seguridade espera superar nesta edición as cifras da súa última edición, SICUR 2016, que recibiu a visita de 42.294 profesionais de 76 países, con 572 expositores e 1.350 empresas que amosaron as súas solucións no terreo da seguridade.

Este evento tamén contará con Foro SICUR, orientado á divulgación, a análise e o debate da actualidade do sector, que inclúe diferentes relatorios e presentacións de destacados profesionais da seguridade.

Os interesados en concertar un encontro con Radiospectrum en SICUR 2018 poden poñerse en contacto co noso equipo a través do formulario da nosa sección de contacto, do teléfono 902 090 508 ou do enderezo electrónico info@radiospectrum.es.

Fotografía: Salón Internacional da Seguridade (SICUR)