Radiospectrum, no II Congreso Internacional de Seguridade, Emerxencias e Socorrismo

Radiospectrum, no II Congreso Internacional de Seguridade, Emerxencias e Socorrismo

Prevención, calidade e formación actualizada sobre seguridade acuática son os eixes arredor dos que xirará o II Congreso Internacional de Seguridade, Emerxencias e Socorrismo, que se celebrará entre o 27 e o 29 de abril en Oleiros (A Coruña). Un evento organizado conxuntamente pola Fundación MAPFRE e o Grupo de Investigación en Actividades Acuáticas e Socorrismo (GIAAS) da Universidade da Coruña (UDC), e no que Radiospectrum participará de forma activa, xa que ademais de ser patrocinador, amosará os usos do seu CCM (Centro de Control Móbil) en situacións de emerxencia.

Esta segunda edición está dirixida tanto a profesionais da seguridade e as emerxencias como a estudantes e terá como escenarios principais a praia Bastiagueiro e a Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña. Tres días nos que se presentarán tanto conferencias coma obradoiros prácticos que achegarán novas técnicas de prevención, de rescate e de primeiros auxilios.

É preciso destacar o carácter científico desta segunda edición, que conta coa participación de 52 doutores provenientes de diferentes campos e chegados de Brasil, Chile, Holanda, Dinamarca, Inglaterra ou Portugal. Do mesmo xeito, cómpre destacar a diversidade na representación das diversas zonas de España, con asistentes de case todas as comunidades autónomas. Serán un total de 16 relatorios os que se levarán a cabo e nos que se presentarán investigacións relevantes para a comunidade científica e para os corpos de emerxencia.

No plano práctico, realizaranse un total de 17 obradoiros impartidos en aulas, piscina e mar. Actividades que teñen por obxecto informar sobre técnicas de concienciación, de rescate, de primeiros auxilios e de prevención.

Neste congreso tamén ocupan un papel destacado as novas tecnoloxías, tratarase por exemplo o uso de drons para o rescate acuático. Radiospectrum fará a súa aportación co seu CCM (Centro de Control Móbil), unha unidade que permite centralizar as operacións de vixilancia e de emerxencia con espazo para seis traballadores, e que está dotada das máis modernas tecnoloxías de comunicación: GPS, cámaras ópticas e térmicas, visualización de imaxes en tempo real e servizos de telecomunicacións e radiocomunicacións.

Este CCM é un dos dous únicos presentes en Galicia e xa foi utilizado polos dispositivos de seguridade en eventos relacionados co mar como a celebración das cacharelas de San Xoán, na Coruña. Os asistentes poderán achegarse á entrada da Facultade de INEF para comprobar como funciona este centro de operacións e as utilidades das tecnoloxías de radiocomunicacións en situacións de emerxencia.

Todos os interesados no congreso, aínda están a tempo de inscribirse a través do seguinte formulario. Para solicitar máis información sobre os servizos de radiocomunicacións ofrecidos por Radiospectrum ou sobre o noso CCM, non dubides en falar connosco a través da nosa páxina de contacto, do correo electrónico info@radiospectrum.es ou do teléfono 902 090 508.