Radiospectrum amosa o seu CCM no II Congreso Internacional de Socorrismo

CCM Radiospectrum Socorrismo

A pasada fin de semana celebrouse en Oleiros (A Coruña) o II Congreso Internacional de Seguridade, Emerxencias e Socorrismo, unha cita que reuniu a centos de estudantes e profesionais do campo da seguridade cidadá e o socorrismo. Destacou a riqueza cultural e a pluralidade de perspectivas desta segunda edición, que contou con representantes de máis de 20 universidades, procedentes de países como Holanda, Chile ou Dinamarca. Radiospectrum tamén tivo cabida no encontro, onde realizou demostracións dos usos dunha ferramenta moi útil no sector das emerxencias: o seu Centro de Control Móbil.

O evento tivo lugar entre o 27 e o 29 de abril, tres días nos que os asistentes puideron informarse sobre as novas técnicas e tecnoloxías de salvamento acuático a través de obradoiros e relatorios de expertos da medicina e o socorrismo vidos de todas as partes de España e do mundo.

Dentro deste evento tivo especial protagonismo a concienciación cidadá e a prevención. “Por que prefires salvar e resucitar cando a prevención pode evitar máis do 85% dos afogamentos?”, declarou David Szpilman, referente a nivel mundial en salvamento e socorrismo. Tamén houbo lugar para que os participantes aprendesen as últimas técnicas de rescate e reanimación mediante obradoiros prácticos impartidos na piscina e no mar.

Radiospectrum mostrou a súa implicación co salvamento acuático e o seu apoio á iniciativa, non só como patrocinador, senón tamén como experto en emerxencias. Parte do equipo de Radiospectrum desprazouse á Facultade de Ciencias do Deporte e Educación Física no Campus de Elviña para amosar aos interesados o seu CCM (Centro de Control Móbil) cunha nova rotulación, máis moderna e rechamante.

O CCM é un vehículo equipado coas últimas tecnoloxías, que xa teñen facilitado as tarefas de equipos de vixilancia e seguridade en grandes eventos como as cacharelas de San Xoán da Coruña. Trátase dun camión que conta coas últimas tecnoloxías de radiocomunicacións e de vixilancia necesarias para actuar como centro de operacións e como unidade móbil. Os seus usos abranguen situacións de emerxencia, acontecementos masivos, eventos deportivos acuáticos e labores de rescate. Conta con repetidores, monitores, cámaras térmicas e ópticas e co espazo necesario para que varios traballadores desenvolvan os seus labores de vixilancia.

Radiosprectrum, no seu desexo de achegar un servizo integral, ofrece ademais aos seus usuarios o alugamento de drons co obxectivo de aumentar a seguridade de calquera evento, para o rastrexo de persoas ou para a vixilancia de zonas perigosas.

Se queres obter máis información sobre os produtos e servizos que ofrece Radiospectrum, non dubides en contactar a través do noso formulario de contacto, do teléfono 902 090 508 ou do enderezo electrónico info@radiospectrum.es.