O dispositivo de San Xoán na Coruña contará un ano máis coa participación de Radiospectrum

O dispositivo de San Xoán na Coruña contará un ano máis coa participación de RadiospectrumA noite de San Xoán convértese ano tras ano no evento máis multitudinario que se celebra na Coruña. O dispositivo de seguridade deste venres contará de novo coa participación de Radiospectrum, que achegará o seu Centro de Control Móbil (CCM) e persoal técnico para axudar a garantir a seguridade das máis de 150.000 persoas que se agarda que se congreguen nas inmediacións das praias de Riazor e Orzán.

Policía Local, Policía Nacional, Garda Civil, Bombeiros, Protección Civil e Cruz Vermella son algúns dos integrantes dun dispositivo de seguridade cunha planificación complexa, que require a coordinación de máis de 500 persoas.

O Centro de Control Móbil de Radiospectrum, que funciona como estación base de operacións e comunicacións, situarase na zona da Coraza do Orzán, onde estarán un ano máis os hospitais de campaña. O CCM ten capacidade para seis postos de traballo e conta coas tecnoloxías máis modernas de radiocomunicacións, telecomunicacións e videovixilancia, entre as que se inclúen cámaras ópticas, GPS, rede wifi, TV dixital…

Un dos retos do dispositivo de seguridade deste ano son as mareas vivas que se agardan para a noite de San Xoán, que farán que coa preamar, haxa unhas altas probabilidades de que as ondas poidan chegar ao muro da praia do Orzán e cubrir unha parte importante do areal de Riazor.

Con esas previsións meteorolóxicas, o dispositivo de seguridade dispuxo o desaloxo das praias ás tres da madrugada. Dende o Concello da Coruña pediuse tamén “responsabilidade e precaución” a todas as persoas que se acheguen a Riazor e ao Orzán nunha noite especial para todos os coruñeses.