Catro razóns polas que a rede SIRDEE non é recomendable para Policía Local e Autonómica

Catro razóns polas que a rede SIRDEE non é recomendable para Policía Local e Autonómica

Seguridade, prezo, tecnoloxía e integración. Estes catro eixes vannos servir para responder a unha pregunta que se fan con frecuencia os concellos e as comunicades autónomas á hora de tomar unha decisión sobre as súas radiocomunicacións profesionais por circuíto pechado.

Á vista de que o Sistema de Radiocomunicacións Dixitais de Emerxencia do Estado (SIRDEE) é o que empregan en España a Garda Civil, a Policía Nacional, a Unidade Militar de Emerxencias (UME) e Protección Civil, é unha boa idea contratalo tamén para Policías Locais e Autonómicas?

A resposta rápida a esa pregunta é que a rede SIRDEE está moi lonxe de ser a solución máis recomendable en ámbitos locais e autonómicos. Por que? Fundamentalmente, por estes catro motivos.

Seguridade e redundancia tecnolóxica

Cando falamos de radiocomunicacións, seguridade e situacións de emerxencia, hai que poñerse no peor. Do contrario, se non están previstos todos os escenarios posibles, os sistemas poden fallar cando máis se necesiten.

Pensemos nunha comunidade autónoma ou un concello adheridos ao sistema SIRDEE. Agora formulemos un escenario extremo, pero posible. Que pasaría se unha catástrofe natural, un atentado terrorista ou unha sabotaxe afectasen ás infraestruturas da rede SIRDEE? A resposta é que quedarían de inmediato sen posibilidade de comunicación a Garda Civil, a Policía Nacional, a UME, Protección Civil, a Policía Autonómica e a Policía Local. Todas as forzas de seguridade e case todas as de emerxencias quedarían incomunicadas. De golpe e nun só movemento.

A redundancia tecnolóxica está na base de moitos organismos públicos e de moitas empresas que son conscientes de que ten que haber un plan B. Vexamos que sucede nos hospitais, neste caso non no ámbito das radiocomunicacións, pero si nun aspecto que é clave no seu funcionamento. Dende o mesmo intre no que se pon en marcha, prevese unha conexión normal á rede para obter electricidade, pero ao mesmo tempo existe un grupo electróxeno propio coa suficiente potencia para actuar no caso de que falle a primeira opción, para garantir que funcione o imprescindible (quirófanos, sistemas vitais, UCI…). E en ocasións, mesmo existe un plan C con sistemas independentes que empregan placas solares ou aeroxeradores para obter enerxía.

O mesmo sucede en ámbitos máis modestos nos que non hai vidas en xogo, como no caso de empresas de telecomunicacións con servizos de hosting, por exemplo, que contan con sistemas independentes de soporte para garantir en todo momento que se conta coa enerxía necesaria. Pensemos tamén en Apple e na súa sede en Cupertino (Estados Unidos). Toda a parte superior do edificio principal de Apple Park conta con placas solares que permiten non depender da rede xeral e ser autosuficiente no caso de que sexa necesario.

Se para estas empresas é importante o concepto de redundancia tecnolóxica, con maior razón debería suceder no sector da seguridade e das emerxencias, unha das grandes responsabilidades que afrontan hoxe en día as institucións públicas.

No caso de contratempo, se todas as forzas de seguridade e todos os organismos encargados de actuar en emerxencias dependen da mesma rede de radiocomunicacións, cal é o plan B? Que se pode facer para minimizar as repercusións desta situación?

Prezo

En termos económicos non hai debate. O sistema SIRDEE é moito máis caro que calquera outro dos principais sistemas de radiocomunicacións dixitais. No caso dun concello ou un goberno autonómico, o custo da rede SIRDEE pode ser ata 10 veces superior a outros sistemas máis modernos e baratos, como DMR.

O factor económico sempre é un elemento a ter en conta cando se manexan fondos públicos, aínda que no ámbito das emerxencias sempre debería estar supeditado á seguridade e á eficiencia da tecnoloxía. O problema é que as prestacións da rede SIRDEE non só non xustifican esa gran diferencia de prezo, senón que en moitas ocasións o seu rendemento é inferior a outros sistemas de radiocomunicacións profesionais por circuíto pechado.

Tecnoloxía e prestacións

A rede SIRDEE está baseada no sistema TETRAPOL da marca francesa Matra, agora pertencente ao consorcio Airbus. Trátase dunha tecnoloxía dos anos 80, bastante antiga, que nos últimos anos recibiu algunhas críticas por parte de profesionais do sector das radiocomunicacións, entre outras cuestións por non ser un estándar ETSI do Instituto Europeo de Normas de Telecomunicacións.

O sistema SIRDEE, operado en España en exclusiva por Telefónica, conta unicamente como clientes con organismos públicos, xa que se trata dunha tecnoloxía que non ten ningún tipo de penetración no sector privado.

Outro dos problemas principais da rede SIRDEE é o seu elevado custo económico, como vimos no apartado anterior, en especial se se ten en conta a existencia de alternativas máis eficientes, modernas e con avanzadas prestacións.

Integración

En dispositivos de seguridade nos que traballan de forma simultánea distintos corpos de seguridade e de emerxencias, as principais tecnoloxías de radiocomunicacións por circuíto pechado teñen a capacidade de funcionar de forma coordinada a través dun integrador de telecomunicacións. Desta forma, non supón ningún problema práctico que poidan coexistir distintas tecnoloxías.

Con este factor da integración solucionado dende un primeiro momento, o principio de redundancia tecnolóxica, o prezo e as prestacións convértense en tres elementos claves á hora de tomar unha decisión sobre as mellores solucións de radiocomunicacións para forzas de seguridade locais e autonómicas.

Como instaladores de telecomunicacións rexistrados polo Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, e operadores de comunicacións electrónicas da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, en Radiospectrum coñecemos con detalle todas as tecnoloxías que ofrece o mercado das comunicacións de emerxencia.

Para obter máis información, contamos co formulario da nosa sección de contacto, o teléfono 902 090 508 e o correo electrónico info@radiospectrum.es.